Asistencia Xurídica Gratuíta
Que é
É un trámite, que desenvolve o artigo 119 da Constitución Española, por medio do que se recoñece, ás persoas que acrediten carecer de recursos económicos suficientes, unha serie de prestacións que consisten principalmente en dispensar a estas persoas do pagamento de honorarios de Avogado e Procurador, dos gastos derivados de peritacións, fianzas, etc.
O dereito á asistencia xurídica gratuíta comprende, en liñas xerais, as seguintes prestacións:
- Asesoramento e orientación gratuítos antes do inicio do proceso.
- Asistencia de Avogado ao detido ou preso.
- Defensa e representación gratuítas por Avogado e Procurador no procedemento xudicial.
- Inserción gratuíta durante o proceso de anuncios ou edictos que deban publicarse preceptivamente en xornais oficiais.
- Exención do pagamento de depósitos para a interposición de recursos.
- Asistencia pericial gratuíta no proceso.
- Obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais.
- Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan por determinadas actuacións notariais.
- Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan por determinadas actuacións dos rexistros da propiedade e mercantil.
Quen pode solicitalo/presentaro
Poden solicitalo aqueles cidadáns que, estando inmersos en calquera tipo de procedemento xudicial ou que pretendan inicialo, carezan de patrimonio dabondo para litigar.
Recoñeceráselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta a aquelas persoas físicas que, carecendo de patrimonio dabondo, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes limiares.
- Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude, cando se trate de persoas non integradas en ningunha unidade familiar. (en 2016 12.780,26 €)
- Dúas veces e media o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros. (en 2016 15.975,33 €)
- O triplo do devandito indicador cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros. (en 2016 19.170,39 €)
Constitúen modalidades de unidade familiar:
- A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, de habelos, os fillos menores, agás os emancipados.
- A formada polo pai ou a nai e os fillos que reúnan os requisitos aos que fai referencia a regra anterior.
En concreto, terán dereito á asistencia xurídica gratuíta:
- Os cidadáns españois, os nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
- As Entidades Xestoras e Servizos Comúns da Seguridade Social.
- As seguintes persoas xurídicas, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
- Asociacións de utilidade pública.
- Fundacións inscritas no Rexistro Administrativo correspondente.
- Na orde xurisdicional social: os traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social.
- Na orde xurisdicional penal: terán dereito á asistencia dun letrado e á defensa e representación gratuítas todos os cidadáns, aínda que sexan estranxeiros, que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, mesmo se non residen legalmente en territorio español.
- Na orde contenciosa-administrativa: os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, aínda cando non residan legalmente en territorio español, terán dereito á asistencia dun letrado e á defensa e representación gratuíta en todos aqueles procesos relativos á súa solicitude de asilo e Lei de Estranxeiría (incluída a vía administrativa previa).
Información adicional
Requisitos para poder solicitar o beneficio de xustiza gratuíta
Persoas físicas:
Que se litigue en defensa de dereitos e intereses propios ou alleos cando teñan fundamento nunha representación legal. Neste caso, os requisitos para a obtención do beneficio irán referidos ao representado.
Independentemente da existencia de recursos para litigar, recoñéceselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta, que se lles prestará de inmediato, ás vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de trata de seres humanos naqueles procesos que estean ligados, derivados ou que sexan consecuencia da súa condición de vítimas, así como os menores de idade e as persoas con discapacidade psíquica cando sexan vítimas de situacións de abuso ou maltrato.
Independentemente da existencia de recursos para litigar, recoñéceselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta a quen por mor dun accidente acredite secuelas permanentes que lle impida totalmente a realización das tarefas da súa ocupación laboral ou profesional habitual e que requira da axuda doutras persoas para realizar as actividades máis esenciais da vida diaria, cando o obxecto do litixio sexa a reclamación de indemnización polos danos persoais e morais sufridos.
Persoas xurídicas:
- Que se trate de Asociacións declaradas de Utilidade Pública ou de Fundacións inscritas no Rexistro Administrativo correspondente.
- Que a súa base impoñible no Imposto sobre Sociedades sexa inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM en cómputo anual.
O IPREM SEGUNDO A LEI DE ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO DO ANO 2016 ASCENDE A: 17,75 € DIARIOS; 532,51 € MENSUAIS; 6.390,13 € ANUAIS. (DISPOSICIÓN ADICIONAL OCTOXÉSIMA CUARTA DA LEI 48/2015, DE 29 DE OUTUBRO, DE ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO PARA O ANO 2016, BOE DO 30 DE OUTUBRO).
Como solicitalo/presentaro
- REAL DECRETO 1455/2005, do 2 de decembro, polo que se modifica o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta, aprobado polo Real decreto 996/2003, do 25 de xullo
- Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numeros
- Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta (BOE do 12 de xaneiro)
- Real Decreto 996/2003, do 25 de xullo, polo que se aproba o regulamento de asistencia xurídica gratuíta (BOE do 7 de agosto)
- Real Decreto Lei 3/2013