Ir a Contido

Ministerio de Xustiza

Ministerio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de Justicia

Menú principal

Presencial

Para solicitar o beneficio de xustiza gratuíta cómpre que o interesado cumprimente un impreso normalizado de solicitude, que se pode obter nesta páxina web imprimindo os anexos do R.D. 1455/2005, para a defensa e representación letrada da muller vítima da violencia machista e do R.D. 996/2003 para a solicitude de Asistencia Xurídica Gratuíta e para o procedemento especial de axuizamento rápido, xunto coa documentación citada neste que acredite a insuficiencia de recursos para litigar. O solicitante do dereito deberá indicar cales son as pretensións cuxo recoñecemento pide.

Os impresos facilitaranse en:

  • Os Servizos de Orientación Xurídica dos Colexios de Avogados. As Delegacións Provinciais da Consellaría de Xustiza e Administración Pública
  • Comisións de Asistencia Xurídica Gratuíta
  • As dependencias xudiciais.

Solicitude pola Internet

O Consello Xeral da Avogacía Española pon a disposición dos cidadáns un portal web Xustiza Gratuíta dende a que é posible encher o formulario de solicitude de xustiza gratuíta ou comprobar se se cumpren os requisitos económicos esixidos para beneficiarse do dereito á asistencia xurídica gratuíta, entre outras funcións, mais cómpre en todo momento presentar a documentación e a solicitude do xeito que se indica a continuación.

Lugar de presentación da solicitude

As solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, xunto coa correspondente documentación, presentaranse ante os servizos de orientación xurídica do Colexio de Avogados do lugar en que estea o Xulgado ou Tribunal encargado do proceso principal, ou ante o Xulgado do domicilio do solicitante se o proceso non estivese iniciado xa.

Datos requiridos para iniciar a tramitación

  • Nome e Apelidos.
  • Número de DNI.
  • Lugar e medio preferente para as notificacións.
  • Data da solicitude.
  • Datos persoais do cónxuxe.
  • Identificación dos familiares que conviven co solicitante.
  • Datos acreditativos da situación económica do interesado e a súa unidade familiar (ingresos, propiedades, etc.).
  • Circunstancias persoais e familiares (estado de saúde, obrigas económicas, etc.).
  • Pretensión que se quere facer valer ante os tribunais e fase procesual en que se atopa.
  • Identificación da parte ou partes contrarias no litixio, se as hai.

Documentación que se debe presentar

Non todos os documentos que se indican a continuación son necesarios en todos os casos, senón que haberá que atender cada caso en función da situación propia de cada solicitante e das circunstancias que alegue na súa solicitude, que serán as que deberá acreditar mediante documentos. A continuación, preséntase unha lista aproximada da documentación que pode ser necesario achegar en cada caso:

  • Fotocopia do DNI, pasaporte ou tarxeta de residencia do solicitante.
  • Certificado de liquidación do IRPF e Imposto sobre o Patrimonio (de toda a unidade familiar).
  • Certificado de liquidación do Imposto sobre Sociedades (no caso de persoas xurídicas).
  • Fotocopia da declaración de utilidade publica ou da inscrición no Rexistro de Fundacións (no caso de persoas xurídicas).
  • Fotocopia do permiso de circulación ou certificado da Xefatura Provincial de Trafico (só no caso de delitos contra a seguridade do tráfico).
  • Certificado de signos externos do Concello onde estea o domicilio.
  • Fotocopia do libro de familia.
  • Certificado de Empadroamento.
  • Certificado de empresa de conceptos salariais.
  • Certificado do INEM de período de desemprego e percepción de subsidios.
  • Fotocopia do contrato de arrendamento da vivenda habitual, ou, se for o caso, copia do recibo mensual.
  • Fotocopias de títulos de propiedade de bens inmobles.
  • Certificado de valores.
  • Outros (calquera documento que sirva para acreditar os datos que se alegan).

Procedemento

Unha vez presentada a solicitude, os servizos de orientación xurídica dos Colexios de Avogados examinarán a documentación presentada e, se aprecian que é insuficiente ou que na solicitude existen deficiencias, concederán ao interesado un prazo de 10 días hábiles para corrixir os defectos.

Unha vez analizada a solicitude e, se for o caso, emendados os defectos advertidos, o Colexio de Avogados debe resolver se o solicitante reúne os requisitos necesarios:

  • Se o Colexio de Avogados estima que o solicitante cumpre os requisitos legalmente establecidos para obter o dereito á asistencia xurídica gratuíta, procederá no prazo máximo de 15 días, contados a partir da recepción da solicitude ou dende o momento no que se corrixan os defectos, á designación provisional de Avogado, e comunicarao no mesmo momento ao Colexio de Procuradores para que, dentro dos 3 días seguintes, se designe Procurador, se a súa intervención fose preceptiva.
  • Se, polo contrario, o Colexio de Avogados estima que o solicitante non cumpre os requisitos necesarios, ou que a pretensión da solicitude carece de fundamento, comunicará ao solicitante nun prazo de 5 días que non efectuou o nomeamento provisional de Avogado e, ao mesmo tempo, trasladará a solicitude á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta para que esta resolva.

Cando o Colexio de Avogados, no prazo de 15 días, que se contarán dende a recepción da solicitude ou, se for o caso, dende o momento no que se corrixan os defectos advertidos, non emita ningunha decisión sobre a designación provisional de Avogado, o solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta correspondente.

Cando a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta deba resolver sobre a solicitude de asistencia xurídica gratuíta, esta, unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, ditará resolución que recoñeza ou denegue o dereito a asistencia xurídica gratuíta no prazo máximo de 30 días, que se contarán dende a recepción do expediente completo.

  • Se estima a solicitude, establecerá na resolución cales das prestacións que integran o dereito son de aplicación ao solicitante. A resolución estimatoria do dereito implicará a confirmación das designacións de Avogado e, se for o caso, de Procurador, efectuadas provisionalmente polos Colexios profesionais. Se non se producisen as devanditas designacións, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta requirirá inmediatamente aos colexios o nomeamento de Avogado e, cando fose necesario, de Procurador.
  • Se desestima a solicitude, as designacións realizadas previamente polos Colexios profesionais quedarán sen efecto e, polo tanto, o solicitante terá que elixir e designar Avogado e Procurador.
  • Se non dita resolución no prazo de 30 días dende a recepción do expediente completo, a solicitude entenderase estimada, polo que:
    • Se o Colexio de Avogados designa Avogado de forma provisional, esta designación quedará confirmada, así como, se for o caso, a de Procurador.
    • Se o Colexio non adopta ningunha decisión sobre a designación, o Xuíz ou Tribunal encargado do proceso (ou o xuíz decano competente, se a solicitude se realizou antes da iniciación do proceso), por solicitude do interesado, procederá a requirir dos Colexios profesionais a designación de Avogado e, se for o caso, de Procurador.

As resolucións das Comisións de Asistencia Xurídica gratuíta que recoñezan ou deneguen o dereito poderán ser impugnadas mediante escrito motivado, que se presentará na Secretaría da correspondente Comisión, no prazo de 5 días. Será competente para resolver a impugnación o Xulgado ou Tribunal encargado do litixio ou, se aínda non se iniciou o proceso, o órgano xudicial a quen correspondería encargarse do litixio, sen que exista posibilidade de recurso posterior.

Para obter máis información e solicitudes de recoñecemento, pode dirixirse aos Servizos de Orientación Xurídica dos distintos Colexios de Avogados de España ou ao Consello Xeral da Avogacía Española.

Outras formas de solicitalo
Normativa