Ir a Contido

Ministerio de Xustiza

Ministerio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de Justicia

Menú principal

Inscrición de Defunción

Que é

É o medio polo que se dá fe do falecemento dunha persoa (data, hora e lugar en que acontece). O falecemento produce efectos civís dende que ten lugar, pero para o pleno recoñecemento dos mesmos cómpre a súa inscrición no Rexistro Civil.

Onde se inscribe a defunción

Para solicitar a inscrición da defunción cómpre coñecer cal é o Rexistro Civil competente para realizala. Considérase competente ao Rexistro Civil do lugar onde teña ocorrido o falecemento, con algunhas excepcións e regras especiais:

  • Se se descoñece este lugar, a inscrición de defunción farase no Rexistro correspondente a onde se tivese atopado o cadáver. E se ocorre no curso dunha viaxe, o do lugar onde teña de efectuarse o enterramento ou, no seu defecto, o de primeira arribada.
  • En caso de naufraxio ou catástrofe aérea, o Rexistro correspondente será o do lugar onde se instrúan as primeiras dilixencias, e en caso de que non se instrúan dilixencias por autoridades españolas, a competencia determinaraa o lugar do sinistro.

Sen prexuízo das regras de competencia para practicar as inscricións, en determinados casos como o falecemento en curso dunha viaxe, pode trasladarse a inscrición ao Rexistro Civil do domicilio do defunto, a solicitude dos seus herdeiros.

Requisitos da inscrición

  • A inscrición practícase en virtude de declaración de quen teña coñecemento da morte.
  • Será necesaria certificación médica da existencia de sinais inequívocos de morte para proceder á inscrición de defunción.
  • Se se descoñece a identidade do falecido, suplirase a inscrición por nomes ou alcumes, idade aparente e de non poderse expresar a hora, data ou lugar de falecemento, indicándose os límites máximo e mínimo do tempo en que ocorreu.

Contido da inscrición de defunción

A declaración do falecemento realízase ante o Rexistro Civil, achegando o certificado médico de defunción ou orde xudicial de inscrición, en formulario gratuíto de subministro obrigatorio polo Rexistro, no que deberán cubrirse os seguintes datos:

  • Nome e apelidos do falecido
  • Nomes dos pais
  • Estado Civil
  • Nacionalidade
  • Data e lugar de nacemento
  • D.N.I.
  • Datos de inscrición de nacemento
  • Domicilio último
  • Día, hora e lugar da defunción
  • Lugar de enterramento, se consta na declaración de defunción ou en certificación de Autoridade ou funcionario a cuxo cargo está o cemiterio.
  • Cita do documento ou documentos de onde se teñan extraído os datos anteriores, agás que sexan coñecidos polo declarante, e referencia a outros datos de identificación cando os requiridos non sexan coñecidos, ou a vestidos e papeis atopados con defunto, e mesmo a súa fotografía.

Quen pode solicitalo/presentaro

Están obrigados a promover a inscrición:

  • Con carácter xeral: os parentes máis próximos do defunto (consanguíneos ata o cuarto grao e os afíns ata o segundo: pais, avós, fillos, netos, irmáns, tíos, curmáns e cuñados) ou, no seu defecto, os veciños. Considérase facultada para promover a inscrición calquera persoa que teña coñecemento da morte.
  • Supostos especiais: Se o falecemento ocorre fóra do seu domicilio, están obrigados a promover a inscrición do falecemento: os parentes, a dirección dos hospitais, clínicas e establecementos sanitarios onde ocorrese o falecemento.
  • Ademais, o facultativo que teña asistido ao defunto na súa última enfermidade, ou calquera outro que recoñeza o cadáver deberá enviar inmediatamente ao Rexistro Civil o parte de defunción, no que, ademais do nome, apelidos, carácter e número de colexiado do que o subscribe, constará que existen sinais inequívocos de morte, facendo constar a súa causa e, coa precisión que a inscrición require, data, hora e lugar do falecemento e mencións de identidade do defunto, indicando se é coñecido de ciencia propia ou acreditada e, neste suposto, documentos oficiais examinados ou mencións de identidade de persoa que afirme os datos, a cal tamén asinará o parte. Se houbese indicios de morte violenta, comunicarase urxente e especialmente ao Encargado.
  • A inscrición pode practicarse, en todo caso, por sentenza ou orde xudicial que declare o falecemento.
    Adoitan ser os axentes funerarios, en representación da familia, os encargados de realizar estes trámites ante o Rexistro Civil.

Prazo

O Regulamento de Rexistro Civil obriga a que a declaración, a práctica de comprobacións e a inscrición da defunción se leven a cabo dentro das vintecatro horas seguintes ao falecemento, debendo practicarse antes do enterramento. En tanto non se practique a inscrición, non se expedirá a licenza para o enterramento.

A inscrición de defunción considérase legalmente urxente e son hábiles todos os días e horas do ano para practicala.
 

Como solicitalo/presentaro

Como solicitalo/presentaro