Ir a Contido

Ministerio de Xustiza

Ministerio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de JusticiaMinisterio de Justicia

Menú principal

Reclamación de responsabilidade patrimonial polo funcionamento da Administración de Xustiza

Que é

Procedemento administrativo mediante o cal se poden reclamar ao Ministerio de Xustiza indemnizacións polos danos e prexuízos ocasionados por actuacións da Administración de Xustiza que o afectado non ten o deber xurídico de soportar.

Danos indemnizables

Serán indemnizables os danos causados en calquera ben ou dereito, agás nos casos de forza maior, que teñan a súa orixe nos supostos previstos na Lei Orgánica do Poder Xudicial.

  • En todo caso o dano alegado ha de ser efectivo, avaliable economicamente e individualizado en relación a unha persoa ou grupo de persoas.
  • Deberá existir unha relación de causalidade directa, inmediata e exclusiva entre a actuación do órgano xudicial e o dano reclamado.

Supostos indemnizatorios

A Lei Orgánica do Poder Xudicial distingue:

1. Erro xudicial: como consecuencia da adopción de resolucións xudiciais non axustadas a Dereito, xa sexa pola incorrecta aplicación da norma xurídica ou pola valoración equivocada dos feitos ou omisión dos elementos de proba que resulten esenciais.

2. Funcionamento anormal da Administración de Xustiza: como consecuencia do funcionamento irregular dos servizos xudiciais que constitúen a estrutura da Administración de Xustiza. Por exemplo, o caso das dilacións indebidas na tramitación do proceso xudicial, a perda ou deterioro de bens que se atopen baixo a custodia de órganos xudiciais, etc.

En ningún caso haberá lugar á indemnización cando o erro xudicial ou o funcionamento anormal da Administración de Xustiza fose causado pola conduta dolosa ou colposa do prexudicado.

A mera revogación ou anulación das resolucións xudiciais non presupón por si soa o dereito a indemnización.

3. Prisión preventiva indebida: o suposto é aplicable a quen sufrise prisión preventiva e posteriormente sexan absoltos ou se dite auto de sobresemento libre, en ambos casos por inexistencia do feito imputado, sempre que se lles causasen prexuízos.

A contía da indemnización dependerá do tempo de privación de liberdade e das consecuencias persoais e familiares que se producisen.

Prazo

A) Procedemento específico na reclamación de danos por erro xudicial.

Na reclamación indemnizatoria promovida por causa de erro xudicial será requisito necesario a existencia dunha previa decisión xudicial que expresamente o recoñeza.

A previa decisión poderá resultar directamente dunha sentenza ditada en virtude de recurso de revisión.

Noutro caso distinto, deberá solicitarse a declaración do erro xudicial ante a Sala do Tribunal Supremo correspondente á mesma orde xurisdicional que o órgano ao que se lle impute o erro.

Prazo: a acción xudicial para o recoñecemento do erro deberá instarse inescusablemente no prazo de tres meses a partir do día en que puido exercitarse.

Non procederá a declaración de erro dunha resolución xudicial mentres non se esgotasen previamente, contra a mesma, os recursos previstos no ordenamento.

Unha vez recoñecida a existencia do erro xudicial mediante sentenza ditada en recurso de revisión, ou declaración xudicial da Sala correspondente do Tribunal Supremo poderase solicitar a indemnización ante o Ministerio de Xustiza.

B) Tramitación administrativa das reclamacións indemnizatorias por erro xudicial, funcionamento anormal da Administración de Xustiza e prisión preventiva indebida.

  • A petición indemnizatoria deberá dirixirse ao Ministerio de Xustiza.
  • A tramitación do procedemento administrativo seguirase segundo as normas reguladoras da responsabilidade patrimonial do Estado (artigos 139 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999 do 13 de xaneiro, e o Real Decreto 429/93 do 26 de marzo).
  • En todo caso, o dereito a reclamar a indemnización prescribirá ao ano a partir do día en que puido exercitarse; isto é, de producido o feito ou o acto que motive a indemnización ou de manifestarse o seu efecto lesivo (No caso do erro xudicial o prazo comezará dende que foi declarado xudicialmente o erro ou notificada a sentenza ditada en recurso de revisión; no caso de funcionamento anormal da Administración de Xustiza dende que se produciu de forma efectiva o dano reclamado; e no suposto da prisión preventiva, dende que adquirise firmeza a sentenza absolutoria ou o auto de sobresemento libre).
  • A resolución que se dite no procedemento pon fin á vía administrativa; contra a mesma cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo.

Información adicional

O interesado dirixirá un escrito de petición indemnizatoria directamente ao Ministerio de Xustiza, non se debe facer constar:

  • Nome e apelidos do interesado e, no seu caso, da persoa que o represente.
  • Identificación do lugar para os efectos de notificacións.
  • Feitos, razóns e petición.
  • Lugar e data.
  • Sinatura do solicitante.
  • Danos e prexuízos.
  • Relación de causalidade entre as lesións e o funcionamento do servizo público.
  • Avaliación económica da responsabilidade patrimonial.
  • Momento en que o dano efectivamente se produciu.
  • Irá acompañado de cantas alegacións, documentos e informacións se estimen oportunos e da proposición de proba.

Ademais, deberá acompañar cantas alegacións, documentos, xustificantes e informacións se consideren oportunas para que quede acreditado o dereito a indemnización.

Como solicitalo/presentaro

Como solicitalo/presentaro
Normativa
  • Constitución Española, artigos 106.2 e 121
  • Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial: artigos 292 a 297
  • Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro
  • Real Decreto 429/1993, do 26 de marzo, que aproba o Regulamento dos Procedementos das Administracións Públicas en materia de responsabilidade patrimonial