Oficina de Recuperación e Xestión de Activos

  •  

    Que é a Oficina de Recuperación e Xestión de Activos (ORGA)?

    É un órgano da Administración Xeral do Estado cuxa función é auxiliar os órganos xudiciais e fiscalías na localización, recuperación, conservación, administración e realización dos efectos, bens, instrumentos e ganancias procedentes de actividades delituosas cometidas no marco dunha organización criminal e no dos delitos económicos máis graves en concreto nos relacionados co artigo 127 bis do Código Penal: tráfico de drogas, branqueo de capitais, trata de seres humanos, corrupción, grandes estafas, terrorismo, etc.

    No entanto, a instancia da propia Oficina, previa autorización xudicial, pode xestionar bens en todo tipo de delitos.

    A intervención da Oficina diríxese á localización e recuperación de bens provenientes do delito, para a súa posta a disposición xudicial, con vistas ao seu futuro comiso.

    O obxectivo último é privar á delincuencia das ganancias obtidas ilicitamente e que, tras satisfacerse as indemnizacións das vítimas que correspondan, parte das contías comisadas revertan á sociedade en proxectos de axuda ás vítimas e de loita contra a criminalidade organizada.

    Para iso, as funcións principais desta Oficina son dúas:

    1. A investigación patrimonial. A petición dos órganos xudiciais e fiscalías, localiza bens en e fóra de España, tanto os que estean a nome das persoas investigadas (titularidade nominal) como aqueles sobre os que haxa indicios de ocultar a súa titularidade real.

    Para este fin, a Oficina accede a múltiples bases de datos nacionais e intercambia información patrimonial con organismos análogos do ámbito internacional e, particularmente, con outras oficinas de recuperación de activos estranxeiras. Para a investigación patrimonial adscríbense á Oficina efectivos da Policía Nacional e Garda Civil que desempeñan funcións de policía xudicial.

    2. A xestión de bens embargados, incautados ou comisados. Se o xulgado ou tribunal o solicita, a ORGA xestiona os bens incautados, embargados ou comisados a fin de evitar actuacións antieconómicas e obter o máximo beneficio, dentro do respecto á lei e con todas as garantías procesuais.

    Ben realiza a actuación concreta solicitada polo órgano xudicial ou, no caso de que este solicite a xestión sen concretar máis, realiza unha análise da natureza dos bens, a súa posible depreciación e os gastos de conservación e efectúa unha proposta que, en caso de ser autorizada polo órgano xudicial, leva a cabo. Esta proposta pode consistir, entre outras, nalgunha ou varias das seguintes actuacións:

    - En caso de diñeiro intervido, embargado ou comisado, o seu ingreso na Conta de Depósitos e Consignacións da Oficina.

    - No seu caso, medidas que adoptar para conservar e administrar os bens.

    - A autorización da utilización provisional dos bens intervidos ou embargados.

    - A realización dos bens, incluída a realización anticipada dos bens intervidos ou embargados.

    - A destrución dos bens.

    Pode xestionar calquera tipo de bens: vehículos, embarcacións, produtos téxtiles e mercadorías, produtos petrolíferos, moedas, xoias, metais preciosos, obras de arte, reciclaxe de residuos coa finalidade de obter un rendemento económico (coches sen valor de mercado, cobre pelado, etc.)

    Comisión de adxudicación de bens produto do delito

    Esta comisión pecha o círculo da finalidade da ORGA: localizar bens, xestionalos eficientemente e, tras a satisfacción das responsabilidades civís derivadas do proceso naqueles casos que proceda, destinar parte do sobrante comisado a fins sociais, principalmente proxectos de axuda ás vítimas e de loita contra a criminalidade organizada, entre os que se atopan:

    - O apoio a programas de atención a vítimas do delito, tanto das Administracións públicas, como de organizacións non gobernamentais ou entidades privadas sen ánimo de lucro, con especial atención ás vítimas de terrorismo, ás de violencia de xénero, trata de seres humanos, delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como ás vítimas con discapacidade necesitadas de especial protección e ás vítimas menores de idade.

    - O impulso e a dotación de medios das Oficinas de Asistencia ás Vítimas.

    - O apoio a programas sociais orientados á prevención do delito e o tratamento do delincuente.

    - A intensificación e mellora das actuacións de prevención, investigación, persecución e represión dos delitos.

  •  

    Cal é o seu ámbito de actuación?

    A Oficina actuará a instancia do xuíz ou tribunal ou do Ministerio Fiscal, no ámbito das actividades delituosas propias do comiso ampliado, cando a localización, embargo ou comiso se acordase a partir do 24 de outubro de 2015 e de conformidade co calendario aprobado na Orde JUS/188/2016, do 18 de febreiro.

    A Oficina actuará a iniciativa propia no marco de calquera actividade delituosa previa autorización xudicial e independentemente da data do embargo ou comiso.

  •  

    Convenios

    Para desempeñar as súas funcións e realizar os seus fins, a Oficina de Recuperación e Xestión de Activos pode solicitar a colaboración de calquera entidade pública e privada, que estará obrigadas a prestala de conformidade coa súa normativa específica. En aplicación desta previsión, así como dos principios de cooperación e colaboración que rexen as relacións interadministrativas, a Oficina subscribe convenios con diversas entidades para cumprir as funcións que lle foron encomendadas.