Volver

A Coruña acollerá o «DATAfórum Justicia 2026», o maior congreso de dixitalización da Xustiza

16/02/2026

• O DATAfórum congregará os días 21, 22 e 23 de outubro a expertos, institucións e empresas para debater os desafíos do ecosistema xudicial na era dixital. Abordaranse temas clave como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou a xustiza dixital.


A Coruña, cidade referente no ámbito universitario e na investigación, acollerá os días 21, 22 e 23 de outubro o principal congreso dedicado á dixitalización, o uso dos datos e a transformación do servizo público de Xustiza, «DATAfórum Justicia 2026». O evento está organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, en colaboración coa Universidade da Coruña e co Concello da Coruña, co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


DATAfórum consolidouse como espazo estratéxico para impulsar a modernización do sistema xudicial con máis de 1500 persoas inscritas no ano 2025. Durante varias xornadas, o foro reunirá especialistas e actores clave para analizaren os retos da xustiza na era dixital. Trataranse cuestións prioritarias como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os dereitos fundamentais e o impacto social das novas tecnoloxías. O programa incorporará unha mirada humanista que integra a ética, a cultura e a innovación como eixos de transformación.


Un impulso á dixitalización e ao talento 


Este ano o evento contará con conferencias maxistrais, mesas de debate, obradoiros prácticos e espazos de encontro dirixidos a estudantes, asociacións e empresas innovadoras do sector. O obxectivo é avanzar cara a unha Xustiza máis dixitalizada, accesible, inclusiva e próxima á cidadanía.


Entre as actividades máis destacadas está o DATAthon Justicia, un reto para o talento novo onde se reúnen estudantes de distintas universidades españolas, organizados por equipos multidisciplinarios, para desenvolveren solucións tecnolóxicas innovadoras ante os desafíos vinculados á Xustiza. 


Un evento que amplía o seu alcance e relevancia


Tras o éxito da súa edición 2025 en León, que reuniu máis de 1500 profesionais, 40 institucións públicas, 36 empresas tecnolóxicas e 8 universidades, con 168 relatores e 212 actividades, o DATAfórum consolídase como o principal espazo para visibilizar proxectos de dixitalización e fortalecer a colaboración entre administracións, sector privado e academia.