Volver

España, primeiro país de Europa en intercambiar información penal de cidadáns extracomunitarios para reforzar o control da reincidencia

01/12/2025
EO Ministerio realiza unha nova actualización de ECRIS que consolida os mecanismos de control fronte ao crime organizado e reforza a seguridade en toda a Unión Europea

O Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes puxo en marcha a nova versión do Sistema Europeo de Información de Antecedentes Penais, ECRIS v1.1, o que converte a España no primeiro país da Unión Europea capaz de intercambiar de forma completa información penal de cidadáns extracomunitarios.

Este avance reforza o control da reincidencia, mellora a identificación de persoas con antecedentes noutros Estados membros e fortalece a resposta fronte ao crime organizado internacional.

A actualización, aliñada coa Directiva (UE) 2019/884, permite aos Estados membros accederen a información penal e biométrica de persoas procedentes de terceiros países. A incorporación de imaxes faciais e impresións dixitais facilita unha identificación precisa, evita suplantacións, reforza o control de fronteiras e reduce o risco de que quen xa foi condenado noutros países oculte os seus antecedentes ao trasladarse dentro do territorio europeo.

​España lidera a implantación do sistema na Unión Europea

España desempeñou un papel determinante na implantación de ECRIS v1.1. É o único país da Unión que conta con compatibilidade plena coas versións 1.0 e 1.1 do sistema, o que garante a súa continuidade operativa. Así mesmo, foi o único Estado membro que superou as dúas fases obrigatorias de probas establecidas pola Comisión Europea e colaborou de maneira estreita coa axencia europea eu-LISA e con outros países para facilitar a súa implementación.

A nova versión do sistema amplía a información dispoñible sobre cidadáns de terceiros países e axiliza a obtención de historiais delituosos. Tamén incorpora datos biométricos para reforzar a identificación, actualiza a categorización de delitos e penas —con especial atención aos relacionados con violencia sexual e violencia doméstica— e introduce un mecanismo máis áxil para establecer novos propósitos de consulta, suxeito á aprobación da Comisión Europea. Estas melloras garanten que identidades incompletas ou pouco fiables non poidan ser utilizadas para eludir a acción da xustiza entre Estados membros.

​Interoperabilidade e consultas en tempo real

España participa no sistema a través de SIRAJ2ECRIS, integrado no Rexistro Central de Penados. A interoperabilidade coas forzas e corpos policiais e cos sistemas de control de fronteiras permite consultar información penal e biométrica en tempo real e mellorar a eficacia das actuacións policiais e xudiciais.

Cada ano España envía 117 000 notificacións de condena e 125 000 solicitudes de antecedentes de cidadáns estranxeiros, e recibe e procesa 11 000 notificacións e 62 000 solicitudes relativas a cidadáns españois.