A nova vía de reparación para os casos en que xa non é posible a vía xudicial, acordada o pasado mes de xaneiro, entrará en funcionamento o 15 de abril
Madrid, 30 de marzo de 2026. O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo; o presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), Luis Argüello; o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e o presidente da Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), Jesús D. Sariego, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para a posta en marcha do novo sistema mixto de reparación ás vítimas de abusos sexuais no ámbito da Igrexa católica.
O texto, que desenvolve o acordo que o Goberno, a CEE e a CONFER firmaron en xaneiro, define como funcionará o novo sistema e con que prazos e fixa o próximo 15 de abril para a súa entrada en funcionamento. A súa vixencia será dun ano prorrogable a outro ano máis.
O ministro Bolaños destacou que se trata dun «día de xustiza» para as vítimas e recoñeceu o seu papel fundamental na consecución deste acordo histórico e pioneiro no mundo.
Modalidades de reparación
O protocolo detalla que a reparación poderá ser simbólica ou restaurativa, orientada ao recoñecemento institucional e ao ofrecemento de ferramentas para o acompañamento ou a petición de desculpas, e tamén económica polo dano causado e polos gastos rexistrados no tratamento das posibles secuelas físicas e psicolóxicas.
Así mesmo, as vítimas que xa recorreran ao sistema de reparación creado pola Igrexa en 2024 (PRIVA) poderán recorrer ao novo mecanismo mixto.
As compensacións económicas terán en conta a gravidade dos abusos sufridos, o dano provocado e outras compensacións eventualmente percibidas no marco doutros modelos de reparación impulsados pola Igrexa.
Compromisos das institucións asinantes
O protocolo sinala que o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes creará unha Unidade de Tramitación que recibirá as solicitudes, ofrecerá orientación para a súa presentación e ocuparase da comunicación coas partes, a notificación das propostas e a solicitude dos informes necesarios.
O Defensor do Pobo, pola súa parte, constituirá a Unidade de Vítimas que se encargará de levar a cabo, cun equipo de expertos profesionais independente, a avaliación individualizada das solicitudes. Tamén elaborará a proposta de valoración de recoñecemento da condición de vítima e da súa reparación.
A CEE e a CONFER encargaranse, a través dunha comisión asesora (Comisión Asesora PRIVA), de emitir un informe preceptivo motivado sobre cada unha das valoracións de recoñecemento da condición de vítima e de reparación que formule a Unidade de Vítimas do Defensor do Pobo.
Créase, ademais, unha Comisión Mixta composta por nove membros en que estarán representadas todas as institucións asinantes e as asociacións de vítimas. A súa función será alcanzar un acordo por consenso naqueles casos en que a valoración da Unidade de Vítimas non obteña a conformidade da Comisión Asesora PRIVA ou da vítima.
Fases do proceso de recoñecemento e reparación
O proceso iniciarase cando a vítima cubra un formulario e o presente na Unidade de Tramitación para que, pola súa vez, o remita á Unidade de Vítimas para a súa valoración.
Estudado o caso e escoitadas as partes, esta Unidade elaborará unha valoración de recoñecemento ou de denegación da solicitude nun prazo de tres meses. A Unidade de Tramitación trasladaraa á Comisión Asesora PRIVA e, en dous meses como máximo, terá que dar a coñecer o seu criterio motivado ao respecto.
A valoración do Defensor do Pobo e a resposta da Comisión PRIVA comunicaranse entón á persoa solicitante para que, nun prazo de 15 días, exprese a súa conformidade ou non e, nese caso, presente alegacións. Se hai conformidade de todas as partes, a valoración considerarase definitiva e trasladarase á Comisión Asesora PRIVA para o seu cumprimento e execución.
Se algunha das partes mostrase a súa desconformidade, a Unidade de Tramitación enviará ao Defensor do Pobo os informes e as alegacións para que, en 15 días, os analice e convoque á Comisión Mixta para tratar de alcanzar un acordo por consenso nun prazo dun mes. Se iso non ocorrer, prevalecerá a valoración efectuada polo Defensor do Pobo e así se lle comunicaría á vítima e á Comisión Asesora PRIVA, co fin de proceder ao seu cumprimento.