Volver

Cidadáns e empresas xa poden consultar datos dos seus documentos notariais vía Internet de forma personalizada e segura

26/01/2026

O Ministerio e o Consello Xeral do Notariado inclúen información de documentos notariais na Carpeta Justicia, o portal de acceso dixital á Xustiza

A partir de agora, cidadáns e empresas poderán consultar datos básicos dos documentos notariais en que participaron vía Internet e de forma segura e accesible. O Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, coa colaboración do Consello Xeral do Notariado, incorporou este novo servizo á Carpeta Justicia, o portal de acceso dixital á Xustiza.

A través desta nova funcionalidade, os usuarios poden coñecer, entre outros datos, o tipo de negocio xurídico (matrimonio, compravenda, testamento, poder, etc.) e o concepto en que interveñen (comprador, vendedor, outorgante dun poder, etc.). Tamén poderán acceder ao nome do notario ou notaria, o número de documento, a data, etc.

A consulta da información notarial en Carpeta Justicia é complementaria aos servizos do Portal Notarial do Cidadán (Portal Notarial del Ciudadano), ao que se pode acceder directamente desde a propia plataforma para solicitar copias autorizadas ou simples dos documentos notariais, de acordo coa normativa vixente e con todas as garantías de seguridade xurídica propias do sistema notarial.

Co acordo entre o Ministerio e o Notariado, Carpeta Justicia consolídase como o gran portal dixital de acceso á Xustiza e integra progresivamente información procedente dos distintos operadores xurídicos.

Unha ferramenta clave para unha Xustiza máis áxil

Carpeta Justicia é a plataforma dixital creada polo Ministerio para facilitar á cidadanía un acceso único, personalizado e seguro á información e aos servizos da Administración de Xustiza.  Permite solicitar cita previa en rexistros civís e órganos xudiciais, consultar resolucións, comprobar o estado de expedientes xudiciais, descargar certificacións, etc. En definitiva, permite á cidadanía, ás empresas e aos profesionais do ámbito xurídico acceder a trámites e servizos xudiciais durante as 24 horas do día os 365 días do ano.

​Trátase dunha ferramenta clave na dixitalización da Xustiza, un dos piares da transformación que está a levar a cabo o Ministerio, a maior en décadas, para conseguir que sexa un servizo público máis accesible, áxil e moderno.