O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, asistiu este luns á sesión constitutiva do Pleno da Comisión Nacional para a conmemoración do V centenario do Consello de Estado, que presidiu S. M. o rei na sede do Consello de Estado.
Nesta sesión tamén participaron a presidenta do Consello de Estado, Carmen Calvo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
A Comisión Nacional para a conmemoración do V centenario do Consello de Estado é un órgano creado para planificar e coordinar o programa de actividades conmemorativas dos 500 anos desta institución —o consello consultivo máis antigo de Europa— que se celebrarán en 2026, en colaboración co resto de Administracións públicas, entidades e personalidades relevantes vinculadas a esta.
A presidencia de honra da Comisión recae no rei Felipe VI, é o presidente do Goberno quen a lidera e Carmen Calvo é a súa vicepresidenta. Do Pleno que se constituíu este luns forman parte o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, os conselleiros permanentes do Consello de Estado e 17 vogais designados por institucións como a Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de España, o Centro de Estudos Políticos e Constitucionais ou a Real Academia da Historia.