O Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes entregou a condecoración da Orde de San Raimundo de Peñafort a 17 mulleres xuristas. No marco da celebración do Día Internacional da Muller, o Ministerio quixo recoñecer mulleres con traxectorias profesionais extraordinarias que abriron o camiño no eido xurídico.
O acto de entrega, presidido polo ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, celebrouse este luns na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación. Durante a súa intervención, o ministro subliñou a importancia de visibilizar o traballo das mulleres nun sector historicamente masculino e destacou que, grazas ao esforzo de moitas xuristas, o mundo do Dereito é hoxe máis igualitario. Con todo, advertiu que aínda quedan teitos de cristal por romper e lembrou que os avances en igualdade non son irreversibles, polo que é necesario seguir a traballar para consolidalos.
As condecoracións outorgáronselles a profesionais de distintos ámbitos do Dereito: maxistradas, fiscais, avogadas, procuradoras, rexistradoras, letradas da Administración de Xustiza, catedráticas e funcionarias do Ministerio. Foron distinguidas Ana María Avezuela, M.ª del Carmen Pacheco, M.ª Paloma Dacal, Margarita Torres, M.ª del Pilar de Prada, Marta Casaseca, Ana M.ª Andrés, María Granizo, M.ª Belén Merino, Yolanda Ibarrola, Rosa Zarza, Yolanda Valdeolivas, Esther Rojo, M.ª Antonia Sanz, M.ª de los Ángeles Sánchez, Inés Herreros e Francisca Sauquillo.
Unha vida dedicada á defensa da igualdade
Entre as condecoradas destaca a última, «Paca» Sauquillo, distinguida coa Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort pola súa traxectoria xurídica e o seu compromiso coa defensa dos dereitos fundamentais, en especial, das mulleres. O ministro sinalou que a súa vida e o seu traballo foron un exemplo de coherencia, valentía e defensa da igualdade, así como unha referencia para o feminismo xurídico en España.
Sauquillo, pola súa parte, lembrou que a Orde de San Raimundo de Peñafort foi creada en 1944, durante a ditadura, e que naquela altura era «impensable» unha España democrática e en liberdade en que habería moitísimas mulleres exercendo a profesión xurídica.
E neste sentido, a directora do Instituto das Mulleres, Cristina Hernández, recoñeceu as condecoradas por abrírense camiño nun sector «pensado sen as mulleres» e lembrou que, como moitas mulleres desde distintos sectores, tiveron que loitar para defender e conseguir os dereitos que hoxe xa se consagraron na nosa sociedade. «Os dereitos necesitan persoas concretas que os pensen, os pelexen e os empurren cara adiante. Por isto, tamén se defenden cada día nos xulgados, nos despachos, nas fiscalías, as aulas, as asociacións e institucións públicas», asegurou Hernández.
A Orde de San Raimundo de Peñafort, unha das máximas distincións xurídicas
Ao acto asistiron, entre outras autoridades, o ministro para a Transformación Dixital e da Fundación Pública, Óscar López, a fiscal xeral do Estado, Teresa Peramato, o secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo, o subsecretario do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Alberto Herrera, a secretaria xeral para a Innovación e Calidade do Servizo Público de Xustiza, Sofía Puente, e o presidente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, Luis María Cazorla.
A Orde da Cruz de San Raimundo de Peñafort é unha das máximas distincións no ámbito xurídico en España. Estas condecoracións recoñecen os méritos de quen intervén na Administración da Xustiza, no estudo e aplicación do Dereito en todas as súas ramas e nas actividades xurídicas vencelladas ao Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.