O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, reuniuse este venres en Madrid co fiscal xeral de Ucraína, Ruslan Kravchenko, co obxectivo de reforzar a cooperación xudicial entre ambos os países. Durante o encontro, o ministro reiterou o apoio de España a Ucraína fronte á agresión rusa e o compromiso do Goberno co proceso de adhesión do país á Unión Europea.
Na reunión abordáronse cuestións relacionadas coa investigación e persecución dos crimes de guerra e insistiuse no papel de España como país defensor dos tribunais penais internacionais e do labor central da Corte Penal Internacional.
Ademais, ambas as delegacións analizaron vías para reforzar a cooperación bilateral en materia xudicial en ámbitos como a tramitación de extradicións e comisións rogatorias, a investigación financeira e a loita contra a delincuencia organizada transnacional.
O ministro trasladou tamén a disposición do Goberno de España a seguir prestando apoio técnico e a impulsar programas de formación e cooperación entre fiscais e outros profesionais do sistema de xustiza dos dous países.